Oleiros incorpora tecnoloxía dixital avanzada para as comunicacións da Policía Local e Protección Civil

venres, 16 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Presentación dos novos servizos de comunicacións de Democom en Oleiros

O Concello de Oleiros e a empresa operadora galega Democom presentaron esta semana o sistema de comunicacións que a devandita firma TIC vén de incorporar na Policía Local e no corpo de Protección Civil do Concello. Esta tecnoloxía, que sitúa ao municipio coruñés na vangarda tecnolóxica das transmisións para emerxencias, permitirá entre outras funcións coordinar as comunicacións con outros departamentos de policía da comarca mediante unha canle única e privada. A colaboración entre o Concello de Oleiros e Democom, que se remonta a hai preto dun ano (coas probas de funcionamento e cobertura do servizo até que a infraestrutura estivo plenamente operativa), beneficiará non só aos axentes da policía local e protección civil, senón tamén á propia cidadanía, segundo informaron os responsables da iniciativa conxunta. Máis polo miúdo, sinalouse, as vantaxes da comunicación dixital postas en xogo entre os devanditos corpos (melloras na calidade de voz, mapas en tempo real con todos os equipos posicionados) redundarán nunha meirande eficacia dos mesmos, tanto nos tempos de resposta como á hora de coordinarse entre eles.
Para Democom, unha das grandes vantaxes achegadas pola súa tecnoloxía é sen dúbida a do posicionamento: permitindo ver nun mapa en tempo real xeolocalizados todos os efectivos mellorará en boa medida a calidade de xestión e control dos mesmos. Polo que respecta á duración no tempo do acordo entre a empresa e o Concello de Oleiros, sinalar que no convenio establécese a achega de servizos de voz, datos para enviar mensaxeiría curta, posicionamento en liña e servizo de mantemento 24x7, por un período inicial de dous anos en réxime de aluguer, “polo que non foi necesaria ningunha inversión inicial e non lle suporá ó Concello ningún gasto adicional á cota mensual acordada”, aclarou a firma tecnolóxica durante a presentación deste servizo.

PUBLICIDADE