Oleiros celebra unha manchea de actividades en liña para conmemorar o Día do Libro

xoves, 23 de abril do 2020 S. P.

Este xoves 23 é o Día da Libro e as bibliotecas da nosa terra están a celebralo botando man das novas tecnoloxías, que son, máis ca nunca, un dos mellores antídotos das limitacións do confinamento. Entre as bibliotecas que máis se mergullan plenamente nas redes para celebrar esta data atópanse as municipais de Oleiros, cunha serie de actividades ás que se poden acceder a través da web municipal (no apartado de Bibliotecas) ou no blog das Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros.
O obxectivo é render unha homenaxe universal ao libro e aos seus autores e autoras.
Estas son as actividades previstas:
• Recomendacións literarias para moz@s e adult@s: trátase dunha selección de corenta obras diversas. Novela, poesía, teatro, banda deseñada, ensaio e divulgación científica, de autoras e autores galegos, españois e internacionais. Boas historias e bos libros para ler, gozar e compartir, que se poden atopar de forma gratuíta nas plataformas de libros electrónicos GaliciaLe e Ebiblio.
• Vídeos de participantes das Tertulias Literarias da Biblioteca Central Rialeda. Once lecturas de fragmentos dunha obra da súa preferencia a modo de suxestión literaria.
• Pasatempos, a partir dos emojis do Whatsapp, para descubrir títulos de libros da literatura galega e universal, tanto para público infantil como adulto.
• Cancións que se poderán escoitar a través de plataformas de vídeo da Rede, inspiradas en poemas, textos ou novelas da literatura. Libros que deixaron pegada nas compositoras e compositores das mesmas e que foron a súa fonte de inspiración.

PUBLICIDADE