Oito novas incorporacións no Cluster TIC Galicia

martes, 15 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Jorge Cebreiros, secretario do Cluster TIC Galicia; Rafael Valcarce, presidente, e Antonio Rodríguez, vicepresidente, na asemblea xeral do Cluster celebrada o pasado verán

O Cluster TIC de Galicia segue a recibir apoios cara ao seu pleno afianzamento como un dos motores tecnolóxico-dixitais do país. Segundo informan fontes desta fronte empresarial ligada directamente á Sociedade do Coñecemento, vénse de aprobar a incorporación á entidade de oito novas empresas. Trátase de Ergofit, Ednon, Emetel Sistemas, Engasoft, Mega Software e Comunicación, Nova Animedia Consultores, Siga 98, e Software e Comunicación Marka Informática. Logo destas oito adhesións, o Cluster conta xa con 104 membros, dos que a gran maioría (95) son empresas, catro son asociacións e outros 5 son colexios e colectivos profesionais.
Para os responsables da entidade galega que nos ocupa, unha asociación sen arela de lucro dirixida a fomentar a cooperación e a unión no noso sector, a entrada dos novos oito socios constitúe un reforzamento do carácter referencial do Cluster dentro do tecido produtivo TIC da nosa terra. “O medre do Cluster TIC”, informan fontes da asociación “pon de relevo a súa condición de punto de encontro das empresas grandes, medianas e pequenas nun eido de actividade económica que representa o 2,15% do Produto Interior Bruto da Comunidade Autónoma e que sostén 16.000 empregos directos”.
Sobre o Cluster TIC Galicia
Como dixemos, o Cluster TIC Galicia é unha asociación sen arela de lucro encamiñada “a vertebrar o macro-sector galego das Tecnoloxías da Información a das Comunicacións, reunindo a empresas, asociacións empresariais, colexios, asociacións profesionais e outros axentes”, informan. Desde a súa posta en marcha operativa, na asemblea celebrada en febreiro de 2010, o Cluster traballa para visualizar e fortalecer o tecido tecnolóxico-dixital galego, “impulsando a colaboración entre as empresas, coordinando os esforzos dos diferentes axentes para o impulso da innovación, a competitividade, a saída a novos mercados e a cooperación coas administracións e institucións”.

PUBLICIDADE