Oitenta expertos reúnense na conferencia internacional de software accesíbel celebrada en Vigo

luns, 18 de novembro do 2013 Redacción

A pasada semana (do 13 ao 15 de novembro) a Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo acollía unha xuntanza na que se reunían 80 expertos de 17 países no marco da 5ª Conferencia Internacional de Desenvolvemento de Software e Tecnoloxías para a Mellora da Accesibilidade e a Loita contra a Exclusión Dixital. Evitar que as persoas con discapacidade física ou psíquica se convertan en excluídos dixitais por non poder empregar as TIC e para usar a tecnoloxía en beneficio do desenvolvemento dos colectivos con necesidades especiais, foron os eixos sobre os que xirou este encontro.
Dende esta 5ª Conferencia DSAI, os investigadores que traballan arreo na creación de novos softwares e tecnoloxías, trataron de fomentar a e-inclusión, falaron de evitar crear excluídos dixitais, persoas que non poden acceder ao mundo dixital a través de calquera tipo de dispositivo electrónico.
Durante as sesións, e a través de 55 relatorios, déronse a coñecer todo tipo de innovacións neste eido, o que amosa a puxanza do sector, tal e como apuntan desde a súa organización. Os participantes desta actividade puideron asistir a catro conferencias plenarias presididas polo italiano Pier Luigi Emiliani, experto que ten publicado máis de 180 documentos de investigación no tema da e-inclusión e o acceso universal; Yehya Mohamad, de Alemaña, especializado no deseño de sistemas de axuda a persoas con discapacidades sensoriais e físicas; Ricardo Baeza, vicepresidente de Yahoo Research para Europa e Hispanoamérica, que abrangueu o tema da dislexia, e Klaus Miesenberger, de Austria, especializado na procura de melloras na usabilidade para individuos con dificultades motoras.
Dende este evento fíxose especial fincapé en que é obriga de todas e de todos axudar a evitar e eliminar ese tipo de situacións discriminatorias que atinxen a persoas con necesidades especiais perante o acceso á tecnoloxía.

PUBLICIDADE