Office Web Apps muda o seu nome a Office Online

xoves, 20 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Ao igual que onte SkyDrive pasou a chamarse OneDrive, hoxe temos que Microsoft continúa a actualizar os nomes dos seus produtos en liña, e as Office Web Apps, versión web da suite ofimática da compañía de Redmond dispoñible a través de Office.com, pasa a responder ao nome de Office Online, no que parece a adopción dunha marca máis clara para o público, e que, aparte de permitir o uso das aplicacións de Microsoft dende un navegador web cando non temos unha versión de escritorio a man, tamén facilita a edición colaborativa de documentos en tempo real.
A eliminación do anterior nome parece bastante evidente, pois aínda que a xente familiarizada co sector TIC entende o concepto de web app, o público xeral fíxase máis na palabra app e pode entender que e trata dunha aplicación nas tendas de descargas para dispositivos móbiles, cando en realidade estamos ante a versión do software ofimático de Microsoft para a web.
Office Online está composto por distintas aplicacións de escritorio adaptadas á web (Word, Excel, PowerPoint e OneNote) ás que podemos sumar o sistema de almacenamento na nube OneDrive, o servizo de correo electrónico Outlook.com (herdeiro de Hotmail) e os sistemas de xestión de contactos e calendario, conformando unha solución moi completa que parece buscar facer fronte ás aplicacións en liña de Google, aínda que desta volta podemos destacar que todo o software de Microsoft está localizado ao galego.


Vídeo promocional de Office Online

PUBLICIDADE