Office 365 incorpórase á Microsoft Store

venres, 26 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos a suite ofimática de Microsoft deu un forte xiro de temón, conseguindo que boa parte dos seus usuarios pasasen de ser compradores das aplicacións a subscritores dun servizo que inclúe sempre as últimas versións engadíndolle incentivos como chamadas de voz por Skype, almacenamento na nube e acceso anticipado a funcións. Para facer aínda máis doada a adquisición e administración do servizo Office 365, vén de completarse a súa incorporación á tenda de aplicacións de Windows, ou sexa, que dende as últimas horas na Microsoft Store temos acceso a Office 365 Hogar e Office 365 Personal, o que facilítanos a súa contratación, a renovación de subscricións e o acceso á súa administración.
A integración do Office 365 na tenda atende en boa medida ao lanzamento de Windows 10 S, versión de Windows que non permite instalar aplicacións de fóra da tenda por motivos de seguridade (converténdose nunha boa solución para, por exemplo, contornos educativos), pero a funcionalidade tamén está dispoñible para versións ordinarias de Windows 10, o que podemos entender como unha simplificación do proceso de instalación e administración de Office 365.
Actualmente Office 365 Persoal para 1 usuario ten un custo anual oficial de 69 euros, mentres que Office 365 Hogar permite o acceso a 5 usuarios por 99 euros/ano, incluíndo en ambos casos 1 TB de almacenamento en OneDrive para cada usuario, incentivo que para moitos xa compensa a subscrición ao servizo.

PUBLICIDADE