Office 14: máis en liña ca nunca

xoves, 30 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Microsoft vén de subministrar máis información sobre o seu proxecto de integrar o paquete Office ao contorno de traballo na Rede. A iniciativa, que achegaría a posibilidade de facer con documentos en liña o mesmo que se fai até o de agora dende o computador e co emprego do disco duro, viría da man da edición número 14 do paquete ofimático, e dela xa avanzamos hai un ano algún que outro detalle (facendo referencia ao xermolo do proxecto, Microsoft Office Live Workspace). O caso é que vindeira versión do Office figurará acompañada dun novo termo que xa indica ás claras por onde van os tiros: “Live”.
De feito, estamos a falar dunha nova aposta da casa de Redmond por levarse a si mesma e aos seus servizos e aplicacións á Internet, que é o lugar onde traballan arreo os seus contendentes máis directos, entre os que se contan Google ou Yahoo! Esta é tamén a base do sistema operativo Azure, precisamente.
Polo que respecta á versión en liña de Office, dicir que fará posible na Internet e dende moi diversos soportes (computador, móbil) o emprego das utilidades do Word, o Excel ou o Power Point. Asemade, será posible compartir documentos.
No que atinxe á data de lanzamento, aínda non transcendeu. O que si que se cre é que chegará a principios do ano que vén.

PUBLICIDADE