Oceans anuncia unha ampliación para chamadas internacionais na tarifa plana de Nexus

xoves, 3 de outubro do 2013 Redacción

A empresa galega Oceans anunciou unha serie de novidades acerca dos seus produtos Nexus. Máis polo miúdo, do que se trata é dunha mellora e dunha ampliación da tarifa plana deste catálogo de servizos, engadíndose aos mil minutos de chamadas a teléfonos fixos nacionais a posibilidade de chamar a fixos dunha ducia de países diferentes. E todo ao mesmo prezo, sinala Oceans. Trátase, máis en detalle, da tarifa O meu mundo, que complementa a tarifa plana xa existente e que, polo tanto, non é outra tarifa adicional nin un servizo extra polo que sexa preciso contratar. “Simplemente é unha mellora que se aplica á tarifa plana Nexus dende xa”, sinala Oceans.
A partir de agora, engade a empresa, os clientes poderán decidir se consumen o que lles pon Nexus á súa disposición chamando só a fixos nacionais, se gastan os mil minutos en chamadas a un ou varios dos países incluídos en O meu mundo, ou se o que máis lles convén é combinar destinos. “O que é seguro”, explícase, “é que en virtude disto os usuarios dos nosos produtos serán máis libres nas súas comunicacións”. Como dixemos, o servizo non é unha funcionalidade que haxa que contratar aparte, senón que vén complementar as tarifas planas existentes de todos os produtos Nexus. Os doce países que integran a tarifa O meu mundo son Alemaña, Canadá, Chipre, Francia, Estados Unidos, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, Suecia e Suíza. Porén, explica Oceans, esta non é unha listaxe pechada e podería ir ampliándose progresivamente.

PUBLICIDADE