Obama estréase en Tumblr

martes, 25 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Estamos afeitos a que os políticos fagan uso das plataformas de redes sociais como canle de promoción e comunicación, frecuentando principalmente Facebook e Twitter, así como blogs de seu e canles de YouTube, pero nos EE.UU. o presidente Barack H. Obama vén de sorprender estreando presenza en Tumblr, nun espazo que non pretende ser a voz do candidato ás eleccións norteamericanas de 2012, senón que busca servir de ferramenta para a súa campaña electoral como un “grande esforzo de narración colaborativa” por parte da xente que apoia a Obama.
O novo espazo na web servirá para compartir comentarios, publicar gráficas, compartir fotografías de camisetas e posters que se vaian publicando sobre a campaña do ano que vén e mesmo facer bromas, pois en boa medida buscan conectar coa mocidade, xa que son conscientes da importancia que ten na reelección do candidato demócrata, pois estiman que en 2008 contou co apoio do 66% dos menores de 30 anos, de aí que non queiran deixar de lado ao seu principal combustible.

PUBLICIDADE