Oasis e Jamiroquai poderían seguir o ronsel de Radiohead

mércores, 10 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

Falámolo o outro día nesta mesma web: ben pode ser que o que vén de facer RadioHead (e máis Nine Inch Nails) signifique o principio da fin definitiva das vellas canles de produción e distribución musical. Algo así como transformar paseniño unha gran maquinaria industrial que non sabe nin pregunta nada dos seus clientes no simple aceno de pasear unha pucha entre o público e pedir cartos segundo as posibilidades de cada cal, e todo iso grazas á tecnoloxía. En fin, para tolear. O caso é que estes grupos, que anunciaron o lanzamento dos seus respectivos novos traballos en liña e a contrapelo dos grandes selos discográficos, semella que non van estar sós na súa teima (en España está o caso de Manolo Cabezabolo, que mesmo foi alén de Radiohead contentándose con que a xente baixase o seu traballo e sen pagar un can). Agora, volvendo ás terras británicas e segundo apunta The Inquirer, Oasis (na imaxe) e Jamiroquai queren facer algo semellante e seguir o ronsel dos grupos devanditos.
A idea é dobre e baséase un pouco en mudalo todo para que todo fique igual, pero mellor: por unha banda a iniciativa consiste en lanzar a música na Rede sen os dispositivos de protección contra copias que as discográficas adoitan a incluír en cada canción (DRM) e a prezos asequibles para unha boa parte dos petos e, pola outra, estarían apuntalando os alicerces do futuro do negocio musical, ferido de morte nos últimos tempos por mor do seu inmobilismo perante os cambios da sociedade de consumo. Tanto Oasis como Jamiroquai están no intre propicio para subirse ó carro: ningún dos grupos está ligado a discográfica algunha. A primeira banda porá o seu vindeiro single na Rede e a disposición dos internautas por 99 peniques, e todo indica a que van facer o mesmo co seu novo CD, agora na fase final de preparación.

PUBLICIDADE