OSIMGA avalará polo miúdo o potencial de divulgación TIC da nosa mocidade nos fogares

luns, 22 de abril do 2013 Redacción

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) vén de presentar o seu Plan de Traballo 2013 e máis o seu balance de xestión do ano que deixamos atrás. É dicir: fixo público o reconto de froitos que precisa calquera folla de ruta para a súa elaboración e axuste. Neste duplo labor de repaso e de programación de traballo vindeiro salienta, entre outros eidos de acción, o eido da xuventude e as TIC, un ámbito prioritario polo seu compoñente normalizador. Ou sexa, polo factor de introdución ás novas tecnoloxías que desenvolve un rapaz en idade escolar con respecto aos restantes compoñentes do núcleo familiar. De feito, sinala o Observatorio, “tres de cada catro fogares galegos onde reside un rapaz, úsanse as TIC, superando en máis de 20 puntos as porcentaxes que se rexistran en fogares sen nenos”. Este dato, recollido no dito informe sobre a Sociedade da Información en Galicia 2012, “pon de manifesto que a presenza de mozos nos fogares inflúe de xeito positivo na penetración da tecnoloxía”, informáse.
Por esta razón, un dos estudos específicos que realizará o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) este ano centrarase en avaliar este dato coa debida fondura. Amais destas informacións, o observatorio tamén deu a coñecer os días pasados os detalles da súa colaboración coa Instituto Galego de Estatística (IGE) , un novo acordo dirixido a optimizar a recollida dos datos relativos á Sociedade da Información nos fogares e nas empresas de Galicia, e que frutificou coa sinatura, en outubro de 2012, dun convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades. Esta colaboración permitirá a inclusión anualmente dun conxunto de indicadores relativos á Sociedade da Información nos fogares galegos na Enquisa de condicións de vida das familias que realiza o IGE, o que, segundo informa OSIMGA, “evitará duplicidades, suporá un aumento de mostra de máis de 7.000 enquisas a fogares respecto ao numero de enquisas que facía o OSIMGA e un aforro económico de máis de 50.000 euro anuais”. O achegamento entre as dúas entidades tamén abrangue a obtención, a través do IGE, de datos das empresas multilocalizadas, é dicir, empresas con sede fóra de Galicia pero que desenvolven parte da súa actividade na nosa Comunidade.
Como dixemos ao comezo, o departamento de análises TIC dependente de AMTEGA tamén presentou o seu Plan de traballo para 2013, que “define a senda dos proxectos e actuacións a desenvolver polo observatorio para avaliar o nivel de desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia e á aplicación do modelo de eGoberno nas Administracións Públicas galegas, servindo de elemento para a definición de políticas públicas nesta materia”.
O Plan de Traballo do OSIMGA continuará desenvolvendo as liñas estratéxicas marcadas nos anos anteriores no contexto da Axenda Dixital 2014.gal. Segundo este documento, no ano 2013 elaboraranse novas edicións dos Diagnósticos sobre a Sociedade da información en Galicia en diferentes ámbitos de observación, a partir de datos facilitados polo IGE ou de enquisas propias, e desenvolveranse novas vagas de estatísticas sobre a administración electrónica na Xunta de Galicia e nos Concellos de Galicia. Como novidade, a Enquisa ás Empresas TIC que realiza o OSIMGA está incluída, por primeira vez, no Programa Estatístico Anual 2013, o que permitirá certificar que este estudo se realiza conforme aos máximos criterios de rigor estatísticos.
No marco do IV Plan Galego de Estatística 2012-2016, publicarase en 2013 unha nova edición actualizada do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia, que ofrece unha perspectiva da evolución das TICs en Galicia nos catro últimos anos.

PUBLICIDADE