O2 perde a exclusividade do iPhone no Reino Unido

luns, 28 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Na web de Orange xa teñen un espazo dedicado ao iPhone

O iPhone é un importante reclamo para captar clientes doutas operadoras, coma ben saben en AT&T nos EE.UU. e en Telefónica en países coma España, pero agora a filial británica da operadora española ve perigar a exclusividade do iPhone 3GS, que remata este mesmo ano, de xeito que o novo móbil de Apple poderá adquirirse a través doutras compañías distintas a O2, concretamente con Orange, operadora que xa conta cunha sección na súa páxina web na que os interesados en mercar o iPhone 3GS poden inscribirse para seren informados cando coñézanse máis detalles sobre a comercialización do móbil de Apple no Reino Unido por parte da operadora francesa.
Esta nova será ben recibida no Reino Unido xa que Orange é a operadora coa maior rede 3G, e este país queda así fóra dos poucos nos que aínda continúan as exclusividades do iPhone, que paulatinamente van desaparecendo. Quedará por ver se este acontecemento precede a un paso semellante en España, onde a exclusividade do iPhone por parte de Movistar non está moi ben vista polos usuarios, que nos últimos meses están sumamente molestos pola mala comercialización que están a facer do iPhone 3GS, terminal do que parece haber un stock moi reducido, con listaxes de espera por toda España, e con usuarios que levan solicitando o móbil dende o verán e coidan que ata novembro non poderán facerse co seu desexado dispositivo. Amais, a información aos usuarios é moi deficiente, resultando imposible coñecer onde é posible conseguir terminais de Apple na xeografía española, mentres que noutros países incluso pode consultarse o stock en liña ou pedirse a través da web sen problemas.

PUBLICIDADE