O xornalista galego Bieito Rubido avalía este xoves en Santiago o futuro dos medios na era dixital

mércores, 4 de xuño do 2014 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago acolle este xoves unha conferencia sobre a crise nos medios de comunicación a cargo de Bieito Rubido, director de ABC e natural de Cedeira. Segundo avanza a entidade compostelá, o relator abordará na súa intervención “unha aposta firme por un modelo de negocio que lexitime a información dixital”. Segundo avanza Rubido e reflicte a Cámara, “a evolución dos medios galegos debe en todo intre buscar a calidade e mellorar o servizo aos cidadáns dende a independencia e o compromiso coa verdade”. A cita será ás 20.00 horas no salón de actos da Cámara e insírese no ciclo de conferencias e actos de celebración do 125 aniversario da entidade.
Estas charlas tratan de debater o papel das cámaras na sociedade e no mundo empresarial e a situación actual de certos sectores, a través das opinións de xornalistas, empresarios e directivos de entidades financeiras que visitan a entidade compostelá.
O relatorio de Rubido desenvolverase baixo o epígrafe Como sobrevivir á crise dos Medios. Para o xornalista galego, un dos grandes desafíos dos medios actuais é sen dúbida o cambio de hábitos de consumo de información por parte do lector. Ao seu xuízo, “o desenvolvemento do mundo dixital e os soportes en liña, moitas veces asociados á gratuidade e ao acceso universal, é unha das principais dificultades ás que ten que facer fronte o xornal”. Cales serían as solucións a este problema? Para comezar, procurar ingresos de abondo pola vía web para compensar as perdas pola vía tradicional. Porén, está o problema de como facelo. Na súa opinión, a día de hoxe “a publicidade e patrocinios en liña son aínda moi baratos e os lectores non están dispostos a pagar por informarse”, ademais de ter que competir por exemplo con Google que fai rendíbeis os contidos dos medios dixitais a “custo cero”.
Outro obstáculo para os medios de comunicación é a crise de valores. Bieito Rubido sinala que as xeracións actuais prefiren o lecer doado á lectura, información, reflexión ou enriquecemento intelectual, sen interese nos xornais, libros ou mesmo no cinema.

PUBLICIDADE