O xigante Universal aposta por vender música sen blindaxe DRM contra copias

venres, 10 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Universal, unha das grandes compañías afeitas a cortar os mellores anacos do pastel do mercado da música (antes no físico e agora no dixital), semella querer mover ficha no que se refire á tirar abaixo certos muros que en teoría defenden a protección de dereitos de autor. Esta protección, que para a música que se merca na Rede soe vir con feitura de DRM (programa de blindaxe para evitar a copia e a reprodución en aparellos “non oficiais”), xa non aparecerá nalgún dos vindeiros lanzamentos da casa Universal, concretamente nas cancións de artistas como Amy Winehouse (na imaxe), 50 Cent e Black Eyed Peas. Segundo informa Reuters, estamos a falar dun período de proba que iría dende agosto até xaneiro de 2008, non de algo definitivo nin radical.
Porén, a experiencia podería supor o afastamento dunha das prácticas máis criticadas pola comunidade internauta e por seareiros da música en xeral: a inclusión de tecnoloxía DRM nas cancións mercadas en liña. A proba serviralle a Universal (que, como toda compañía multinacional non fai nada se non vai haber beneficio de por medio) para mellorar a súa imaxe no mercado e distanciarse dos competidores. Amais, aproveitará para tomarlle o pulso ó sector, á demanda e a sensibilidade ó prezo (sempre desorbitado para o común dos mortais), entre outros factores. Na experiencia participarán tamén distribuidores como Google, Wal-Mart e Amazon.com. Porén, non aparece por ningures a tenda iTunes, outra das que curtan hoxe en día o pastel da venda de cancións pola Rede.

PUBLICIDADE