O walkman cumpre tres décadas

luns, 13 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O walkman vén de cumprir tres décadas de vida e son moitos anos como para que fique alguén sen ter empregado un destes aparellos ou, polo menos, sen ter visto a outra persoa carretándoo en calquera das súas feituras: con casete (o clásico), con CD (o discman) ou ben con MP3. A súa evolución, ao longo deste tempo, é unha historia da tecnoloxía recente en miniatura: do analóxico ao dixital, do voluminoso ao miúdo, do rudimentario ao interactivo. Con todo, hai quen prefire ser preciso e chamarlle walkman só ao primeiro prototipo e non aos pseudo-implantes corpóreos que son os reprodutores MP3 de hoxe.
Falamos dun trebello que vai ligado de xeito irremediable a unha empresa concreta, Sony, e máis aínda a unha lenda urbana: a do seu fundador, Akio Morita, que nun día andando pola rúa puído ver a un rapaz cun reprodutor de casetes sobre o ombreiro e sentiuse inspirado para facer algo que resumise o acto de carretar música.
Con todo, tamén se lle achaca unha parte da idea (sendo a orixe moi semellante) a outro directivo da compañía, Masura Ibuka, e até hai quen defende unha autoría compartida. Alén de todo iso, a historia tende a poñer as cousas no seu sitio, e cada vez está máis claro que foi o enxeñeiro brasileiro Andres Pavel o gran responsable dun invento que ía cambiar para sempre o noso xeito de consumir música, ou, polo menos, a sentar os alicerces do que viría despois, con distinta feitura pero ca mesma base: a música a todas partes como evasión.
O walkman como tal non foi un aparello inxustamente recoñecido: a revista PC World salientou hai pouco a este aparello como o mellor gadget dos derradeiros cincuenta anos, entendéndose por gadget un obxecto tecnolóxico cunha función útil e específica e que é coma unha prolongación do noso corpo. Falamos unha vez máis do walkman orixinal de Sony, desenvolvido en 1979, mais tamén de tódalas imitacións que viñeron máis tarde. A morte do formato orixinal, o que reproducía casetes, estaba en boa medida cantada dende hai tempo, primeiro coa aparición do discman e logo cos reprodutores dixitais portátiles (iPod).
Atopar hoxe en día a alguén carretando o trebello orixinal no cinto pode ser toda unha experiencia, polo que ten de inesperada.
Durante estes anos vendéronse millóns de unidades, tantas que se pode dicir lle gañaron unhas cantas batallas ó disco de vinilo e ós xiradiscos no mercado, principalmente polo doado que era o proceso de reprodución de cinta a cinta.

PUBLICIDADE