O vindeiro despregue de fibra na zona vella de Compostela, en consulta aberta

luns, 28 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Santiago, complementando as medidas do seu proxecto Smartiago (o proxecto para converter Compostela nunha Cidade Intelixente: máis e mellor conectada, sustentábel, rendíbel e automatizada), quere garantir as mellores condicións de acceso a Internet para as familias e as empresas que residen na contorna antiga. Con este obxectivo, o Goberno local e máis a Xunta convocaron unha consulta aberta aos operadores económicos de telecomunicación acerca do fornecemento de fibra óptica para a zona vella compostelá. Estes acordos coa Xunta (a Consellería de Turismo e a AMTEGA) foron dados a coñecer hoxe polo alcalde Xosé Sánchez Bugallo.
Segundo fixo saber, a convocatoria aberta xorde a raíz da Guía de boas prácticas para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia, un primeiro catálogo conxunto de solucións para facilitar a extensión da dita tecnoloxía nos cascos de alto valor patrimonial. Este catálogo analiza o caso de Santiago e define unha serie de propostas para a instalación da fibra óptica que permitan “compatibilizar a protección do patrimonio co despregue con trazado por cornixa, o soterramento ou a través das redes de saneamento”.
Segundo engadiu Bugallo, “unha vez obtida a aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio sobre as solucións incluídas na guía, e co obxecto de coñecer as posibilidades de execución dos eventuais despregamentos, resulta necesario dirixir consultas aos operadores económicos para coñecer de xeito preciso o seu interese nesta intervención tecnolóxica a través das solucións recollidas na guía e en que condicións técnicas e económicas se podería realizar”. O prazo de presentación de propostas comezará ao día seguinte da publicación da resolución na páxina web de AMTEGA e terá unha duración máxima de 2 meses.

PUBLICIDADE