O vindeiro 8 de xullo Rianxo convértese na capital galega dos videoxogos

xoves, 11 de maio do 2023 S. P.

O vindeiro 8 de xullo vaise celebrar a Rianxo Gaming Experience 2023, unha feira sobre o mundo do videoxogo como produto cultural e de entretemento, que porá o foco na vertente divulgadora de contidos educativos destes produtos (mediante charlas e obradoiros) e tamén nos aspectos máis competitivos vencellados ao ámbito dos eSports. O programa tamén xirará arredor dos fenómenos Cosplay e PixelArt e completarase con postos de venda e gastronomía.
Haberá tamén espazo para a música en directo. A hora do xantar estará amenizada polos Funky Kongs con música de videoxogos, e a Banda da Escola de Música de Rianxo pechará a xornada cun concerto sinfónico de bandas sonoras de videoxogos.
​​​​​​​O evento está financiado polo Concello de Rianxo; a produción corre a cargo de Lua Gaming e conta coa participación da Fundación Museo do Videoxogo, Galicia Gamer e a asociación A Vella Escola, con talleres e actividades divulgativas, lúdicas e competitivas, que o equipo de Volvemos a Primera Producciones emitirá en streaming ao longo de toda a xornada.
O evento contará co apoio e o respaldo de varias empresas e entidades colaboradoras: A túa Xanela, Ramón y Óscar Tubío (ROT), Creade Impresión Digital, BEEP Rianxo, Mínimo Eventos, Librería Xacobiño, Librería Cándido e a Asociación A Moreniña.
A feira celebrarase como dixemos o vindeiro 8 de xullo no Campo de Arriba (praza Castelao), durante toda a xornada.
Poderemos seguir todas as novidades sobre este evento no seu propio perfil @rianxogaming na rede social Instagram.
O evento está aberto a máis colaboracións ou patrocinios publicitarios, a novas propostas de organización de actividades, e tamén á inscrición de persoas voluntarias que queiran participar na organización. Mediante contacto co perfil social de Instagram ou no correo gamingrianxo@gmail.com poderemos enviar as nosas propostas para a súa valoración.

PUBLICIDADE