O vídeo sobre a destrución do Courel vai alén do millón de visitas

martes, 13 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Segundo nos comentan dende SOS Courel, a nosa comunidade internauta está máis interesada na conservación desta comarca galega de inculcable riqueza natural do que queren facer entender as persoas ou entidades que a ameazan. De feito, de non darse este interese dificilmente se tería superado a liña do millón de visitas co vídeo Axuda urxente para o C@urel!, peza documental que a xuízo da dita plataforma é a primeira obra galega que acada tal cifra na súa presentación en YouTube, duplicando a maiores aos seus máis inmediatos seguidores.
Para SOS Courel, trátase dun éxito mediático dende tódalas frontes, non só pola audiencia acadada en si mesma senón porque grazas á peza “fixéronse inútiles diversas tentativas de ocultamento do proceso de destrución ao que estaba sendo sometido esta bisbarra lucense”, sinalan.
O vídeo, por certo, foi montado por Raquel, veciña de Vigo pero con raíces na Serra do Courel, máis polo miúdo no concello de Quiroga. A directora tamén é a responsable de Terra, o tema de Luar na Lubre que acompaña ás imaxes desta paraxe natural.

PUBLICIDADE