O vídeo máis visto en YouTube podería ter acadado o seu éxito fraudulentamente

xoves, 6 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Relación dos vídeos máis vistos en YouTubeNos pasados días varios blogs deron conta de que o vídeo Evolution of Dance xa non era o máis visto na historia de YouTube, pasando a ocupar tal posición o videoclip Music Is My Hot Hot Sex do grupo brasileiro Cansei de Ser Sexy (que tanto puxo música ó anuncio televisivo do iPod Touch coma serviu para promocionar o Zune de Microsoft).
Este acontecemento resulta abraiante, posto que se trata dun videoclip con pouca calidade de imaxe e pouco interese que xa se aproxima ós 90 millóns de reproducións (a meirande parte nos últimos 2 meses), o que fixo sospeitar á xente de Waxy.org de que se trataba dunha situación irregular, polo que analizaron a situación dos vídeos máis vistos meditante a API de YouTube, decubrindo que só 1 de cada 21.487 usuarios que vían o vídeo o puntuaban, cando o normal é que iso aconteza unha vez cada 590 reproducións, o que daría a entender que as consultas do vídeo non son obra de persoas, senón de máquinas.


Music Is My Hot Hot Sex de Cansei de Ser Sexy

Mirando os vídeos máis vistos en YouTube, tamén se atopan máis vídeos irregulares que nalgún caso se pode explicar pola súa incrustación en certos servizos populares, pero que en moitos outros casos resulta difícil de concretar cómo se xera o seu excepcional tráfico. No caso do clip de Cansei de Ser Sexy non se atopa ningunha explicación do seu suposto éxito, o que dá a entender que pode estar provocado por algunha práctica ilexítima.

PUBLICIDADE