O vídeo dun flashmob de estudantes do campus de Pontevedra acada 1.400 reproducións nun día

venres, 12 de abril do 2013 Redacción

O campus de Pontevedra (Universidade de Vigo) acolleu recentemente unha desas actividades a cabalo entre dous mundos: feitas na vida real para logo ter rexistro de seu, seguimento e repercusión na Rede. Falamos do flashmob convocado polos estudantes do segundo curso do Grao de Ciencias de Educación e do Deporte co obxectivo de chamar a atención de compañeiros, veciños e internautas. E tanto que foi así: o vídeo resultante desta actividade, que foi gravado antes de Semana Santa, púxose esta semana en YouTube onde acadou a cifra de máis de 1.400 reproducións nunha única xornada.
Lembrar que un flashmob é unha xuntanza xeralmente multitudinaria, xerada vía móbiles ou redes sociais para facer ou crear algo rechamante e, sobre todo, temporal. Na actividade en cuestión participaron 115 alumnos e alumnas da materia de Expresión Corporal e Danza. A súa duración foi de 15 minutos, tempo no que a facultade encheuse de xente “para a sorpresa de todos os presentes de música e diversión”, informa a Universidade de Vigo, que tamén avanza vindeiras actividades. De feito, amais do flashmob, o grupo de estudantes proxecta xa a posta en marcha dun lipdub, un vídeo musical realizado por un grupo de persoas que sincronizan os seus labios e xestos cunha canción popular.


Vídeo da flashmob pontevedresa

PUBLICIDADE