O verme Conficker pretende facer cartos coa venda dunha falsa aplicación de seguridade informática

luns, 13 de abril do 2009 Marcus Fernández

A Internet estaba en alerta o pasado día 1 ante a posibilidade de que o verme Conficker afectase seriamente á seguridade da Rede, e finalmente parecía que a cousa quedara en nada, pero as compañías de anti-virus avisan de que non se tratou dunha falsa alerta, senón do feito de que os responsables da infección preferiron ser prudentes á hora de explotala, e agora comezamos a ver o que podería ser a intención detrás deste código malicioso: facer cartos.
O Conficker podería ter infectado uns 12 millóns de equipos e un dos efectos detectados sería a aparición de publicidade dunha falsa aplicación de seguridade informática, o Spyware Protect 2009, que se vende por 49,95 dólares (36,69 euros) a través da Internet, e que podería comprometer aínda máis a seguridade dos equipos nos que se instale.
Algunhas empresas de seguridade tamén detectaron que o propio verme estaría a funcionar coma un cliente P2P, presumiblemente para actualizarse automaticamente, expondo os equipos afectados a moitas máis ameazas.

PUBLICIDADE