O vehículo intelixente creado por Vodafone para Smartiago inicia o trazado do centro histórico compostelán

mércores, 30 de novembro do 2022 S. P.

Smartiago, o proxecto de Cidade Intelixente do Concello compostelán, deu estes días un paso moi relevante na súa vertente máis centrada no transporte e na mobilidade smart, da man do Goberno local e da empresa Vodafone. En concreto, o vehículo autónomo, modular e intelixente deseñado pola operadora de telecomunicacións iniciou este martes 29 de novembro o trazado do centro histórico de Santiago.
Fíxoo tras finalizar as súas actividades en aberto hai dúas semanas e empregando un dos vehículos deseñados para Smartiago. O automóbil percorreu a praza de Praterías e rúas contiguas, de 05:00 a 07:00 horas, e a praza da Quintana de 07:00 a 10:30 horas. Estes horarios estipuláronse para non entorpecer o tráfico rodado e de viandantes, explicou o Concello, engadindo que os datos obtidos deste trazado servirán como base para os proxectos que se poñan en marcha no Living Lab de Vodafone que se iniciará o próximo ano. Neste laboratorio en vivo empresas e emprendedores poderán colaborar na mellora dos dous vehículos deseñados pola compañía de telecomunicacións xunto coa empresa privada Phebus e a Universidade de Deusto.
Durante o percorrido por parte da zona vella da capital galega recolleuse información sobre as áreas polas que pasa o transporte de mercadorías e tamén sobre o subsolo da zona monumental. Estes datos permitirán ao Concello de Santiago dispoñer, por exemplo, dun mapa case exacto da rede de auga para, no caso de que se produza unha avaría, saber onde actuar sen danar o patrimonio.
O Living Lab de Vodafone está enmarcado no proxecto de desenvolvemento de vehículos eléctricos autónomos modulares da iniciativa Smartiago, un conxunto de solucións innovadoras postas en marcha polo Concello de Santiago co obxectivo de “mellorar os servizos públicos a través da implicación de compañías con gran capacidade tecnolóxica, universidades e empresas locais en liña cos obxectivos dos fondos FEDER 2014-2020”.
O obxectivo principal do Concello é “promover unha mobilidade intelixente e sustentábel que mellore a calidade de vida da cidadanía e que, ademais, poida adaptarse a outras Cidades Patrimonio de España”.
Vodafone, dentro da iniciativa Smartiago, desenvolveu dous vehículos intelixentes para mellorar a loxística de última milla: aquela relativa á xestión do transporte de paquetería centrada no último traxecto que debe realizarse na entrega final.
Para iso, ambos automóbiles dispoñen de sensores LiDAR e cámara para recoñecer o que sucede ao seu arredor, así como un sistema de comunicacións que permite a súa monitoraxe e a comunicación con outras infraestruturas da cidade.

PUBLICIDADE