O usuarios de telecomunicacións deste país califican cun notable ao seu operador

martes, 22 de decembro do 2009 Raquel Noya

Para levarnos a contraria a todos aqueles que pensamos que as operadoras de telefonía deste país aprovéitanse dos seus clientes con tarifas e horarios irrisorios, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio vén de publicar os resultados dun estudo sobre a calidade percibida polos usuarios na prestación dos servizos de telecomunicacións, e as conclusións non poden ser máis optimistas.
En xeral, segundo este informe, os usuarios outorgan unha calificación de “notable” ao seu grao de satisfacción sobre a prestación dos servizos de teléfono fixo, móbil e acceso a Internet en España, sendo o aspecto que máis valoran a calidade das comunicacións, seguido da claridade na factura e a cobertura da telefonía móbil.
Malia que o aspecto menos valorado é o prezo, os usuarios demostran “un escaso interese por informarse sobre as características das ofertas existentes con carácter previo á contratación” e preto da metade dos usuarios aseguran “non terse informado máis alá do contido da publicidade”.
Asemade, existe un gran descoñecemento por parte dos usuarios da tarifa concreta que contrataron e a utilización dos servizos de atención ao cliente multiplícanse ao ano seguinte á contratación.
O estudo parte da realización por parte do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) de 4.593 entrevistas nos domicilios, a persoas de máis de 18 anos e localizadas en 412 municipios e 50 provincias, o que lle confire un alto nivel de representatividade dos resultados, en contraposición con outros estudos baseados en respostas espontáneas de usuarios.

PUBLICIDADE