O uso profesional das redes sociais centra un obradoiro da Cámara de Santiago, impartido por Javier Rocamora

martes, 17 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

A Cámara de Comercio de Santiago vai organizar na recta final de novembro un obradoiro moi acaído para as empresas e persoas autónomas que queiran mergullarse de cheo nas redes sociais e tirarlles o máximo proveito para incrementar a produtividade das empresas e chegar a novos mercados e audiencias. Estamos a falar do curso Uso profesional das redes sociais, unha actividade de formación gratuíta que será impartida por Javier Rocamora.
Desenvolverase entre os días 23 e 27 de novembro, en formato online e en horario de 10.00 a 13.00 horas. O curso está especialmente dirixido a empresas e profesionais do comercio de proximidade e da artesanía.
Segundo informa a Cámara, trátase de dotar aos asistentes dunha visión estratéxica sobre a mercadotecnia en liña e o papel das redes sociais, amais de formalos para que “poidan autoxestionar os perfís en redes sociais con criterios profesionais” e, tamén para que estean en disposición de realizar campañas sinxelas de publicidade a través dos novos servizos-comunidades dixitais.
Respecto da persoa encargada de impartir os contidos, Javier Rocamora, é un dos grandes expertos da nosa terra nas novas correntes da xestión comercial, amais de consultor autónomo e formador especializado neste ámbito en concreto. Rocamora publica de xeito regular artigos en Marketing For eCommerce, unha das publicacións online de referencia a nivel nacional en comercio electrónico. Entre seus proxectos máis destacados figuran a redacción de contidos no proxecto Vendes en Internet? da entidade estatal Red.es, o deseño e implantación da estratexia dixital a nivel europeo da multinacional islandesa Saeplast, a xestión da campaña estival na Rede de 2017 para Turismo de Galicia e o Camiño de Santiago ou a súa participación en proxectos para Telefónica, Applus, Carrefour, Media Markt, Grupo Vegalsa-Eroski, Pescanova, Elogia Media, BAP Conde, Roi Scroll e un longo etcétera.

PUBLICIDADE