O uso dos móbiles nos centros educativos no tempo de lecer estará regulado por un protocolo

venres, 29 de decembro do 2023 S. P.

O uso dos teléfonos móbiles nos centros educativos no tempo de lecer xa ten o seu protocolo de regulamento. Os detalles deste marco de actuación foron dados a coñecer pola Xunta Autonómica de Directores (onde están representadas as direccións dos centros públicos) aos representantes das direccións dos centros concertados, así como aos representantes das principais asociacións de nais e pais, en varias reunións co equipo da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Nel recóllese estender a restrición do uso de móbiles e dispositivos electrónicos á totalidade da xornada escolar.
Deste xeito, non se permitirá o emprego libre destes dispositivos nos períodos non lectivos, que son as entradas e saídas do centro, o tempo de recreo, o comedor escolar e os períodos dedicados a actividades complementarias e extraescolares.
Esta limitación estará vixente á volta das vacacións de Nadal nos centros sostidos con fondos públicos. No caso dos centros que imparten ensinanzas de FP de Grao Superior, de Réxime Especial (como escolas oficiais de idiomas ou conservatorios, entre outros) e de Adultos poderán non aplicar esta medida nesas etapas se así o consideran. Así, en base á súa autonomía organizativa, poderán adaptar o protocolo no relativo ás limitacións establecidas nos períodos non lectivos.
Porén, a Xunta informou que seguirá permitíndose o emprego “proporcionado e razoábel dos dispositivos por cuestións de necesidade, medicas ou doutra índole, sempre por motivos xustificados, atendendo ás circunstancias e autorizado pola dirección do centro”. Así mesmo, “mantense a posibilidade do uso pedagóxico destas ferramentas, sempre baixo supervisión do profesorado”.
Vixente xa no 76% dos centros
O Goberno galego explicou tamén que “logo dunha análise sosegada co conxunto da comunidade educativa, e analizada a experiencia positiva na maioría dos centros (o 76% deles) que, dentro das súas normas de convivencia, xa teñen restrinxido o uso de teléfonos móbiles nos recreos, consideramos positivo estender estas boas prácticas ao conxunto do sistema, atendendo ao consenso e á demanda social manifestada”. Así pois, engadiu a Consellería de Educación, “búscase avanzar na responsabilidade compartida dun uso seguro e saudábel das novas tecnoloxías, así como no fomento da cidadanía dixital responsábel na nenez e na adolescencia, e compaxinar isto coas potencialidades de aprendizaxe que ofrecen estas ferramentas.
O mencionado protocolo terá un carácter básico e deberá ser contextualizado ou adaptado ao centro educativo e á súa contorna para, finalmente, ser incluído nas normas de convivencia. Ademais, os servizos de Inspección Educativa serán os encargados de prestar o asesoramento necesario aos centros e a supervisión na adaptación ao novo texto. En paralelo, iniciaranse os trámites oportunos para a actualización do Decreto 8/2015, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, de convivencia e participación da comunidade escolar en materia de convivencia.
Así mesmo, establecerase un plan de formación para acompañar ás familias no uso responsábel dos móbiles, para o que contarán co apoio da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE