O uso de drons contra os lumes colle pulo nas comarcas de Deza e Tabeirós-Montes

venres, 16 de marzo do 2018 Redacción

Combater os lumes con drons e tecnoloxías de seguimento e análise da información non só é posíbel, é que xa case é unha realidade. Así nolo conta a Universidade de Vigo que impulsa o proxecto internacional FireRS (wildFIRE Remote Sensing) e que, en materia de aplicación directa dos obxectivos do proxecto, vai poñer o foco nas comarcas de Deza e Tabeirós-Montes, moi castigadas por lumes forestais que se repiten ano tras ano. O proxecto, que ten un importe de 2 millóns de euros (até 2019), inclúe a entrada en xogo dun picosatélite, unha flota de drons e sensores infravermellos en terra, ademais dun centro de control para a xestión da información. En definitiva, búscase “crear unha ferramenta que sexa quen de realizar unha detección temperá e achegar información en tempo real dos lumes forestais aos servizos de emerxencia”.
O papel crucial da comarca pontevedresa no proxecto coordinado pola Universidade de Vigo e no que participan a Universidade de Porto e o Laboratorio de Análise e Arquitectura de Sistemas de Toulousse de Francia, materializouse este 15 de marzo nun convenio asinado entre a institución académica viguesa e o Consorcio para o Servizo Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Montes, que será o encargado de testar as tecnoloxías desenvolvidas ao abeiro da iniciativa, a través de varios simulacros parciais e un final con lume real e controlado.
“É moi importante para nós dispoñer de usuarios reais”, asegurou o docente e investigador principal do proxecto FireRS, Fernando Aguado, que incidiu no impacto directo que a investigación ten na sociedade. Aguado, xunto ao tamén investigador da institución académica viguesa Pablo Izquierdo e Juan José Muñoz, xerente-xefe do consorcio, acompañaron á vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Asunción Longo, e ao presidente do consorcio e alcalde de Agolada, Ramiro Varela, na sinatura do acordo de colaboración entre ambas as dúas institucións.
Lume 1
Ao abeiro do proxecto, a Universidade de Porto e LAAS-CNRS encárganse dos procesos de integración dos vehículos aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés) e cámaras infravermellas e do software e a predición do comportamento dos lumes forestais, respectivamente. Pola súa banda, a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo fai o propio co deseño e integración de Lume 1, o cuarto satélite da Universidade de Vigo tras XaTcobeo (2012), Humsat-D (2013) e Serpens (2015). “Estamos neste intre no proceso de licitación pública da empresa que se vai encargar del proceso de integración para el lanzamento do cubesat”, avanzou Fernando Aguado, que confirmou que o satélite chegaría ao espazo, no derradeiro trimestre de 2018, a bordo do foguete indio PSVL (Polar Satellite Launch Vehicle), ben, nun Falcon 9 de Space X.
Segundo informou, o cubesat ten unhas dimensións de 20X10X10 centímetros e un peso aproximado de 2,45 quilos e orbitará a unha altura de entre 500 e 600 quilómetros durante aproximadamente un ano. “A idea é validar a nova tecnoloxía que incorpora na carga útil, que é unha evolución dos satélites anteriores, e que sexa un produto transferíbel”, explicou Aguado.

PUBLICIDADE