O uso das TIC centra boa parte dos novos obradoiros de Xornalismo na Escola

martes, 4 de abril do 2017 Redacción

Unha actividade de Xornalismo na Escola impartida por Lucía Álvarez no IES de Brión

O Colexio de Xornalistas de Galicia quere amosar nos colexios os segredos da profesión que representa, amais das súas importantes posibilidades nun contexto, o actual, marcado polo afianzamento das novas tecnoloxías e, polo tanto, por un cambio radical nos nosos hábitos de acceso á información (cambian as formas e os métodos pero o miolo segue a ser o mesmo: informar con criterio). Este é o alicerce do programa Xornalismo na Escola e os obradoiros que acubilla (centrados en boa medida nas TIC), unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas e a Obra Social La Caixa. O proxecto chega esta semana á súa segunda edición, recalando no IES Rosalía de Castro de Santiago.
Neste centro están programados tres días de obradoiros, que correrán a cargo da xornalista Lucía Álvarez. O primeiro deles celebrarase o mércores, día 5, ás 09:00 da maña. O xoves a sesión comezará ás 12:20. O peche terá lugar o venres ás 10:30, co último obradoiro. Serán todos eles impartidos a alumnos de 4º da ESO. Segundo informa o Colexio de Xornalistas, “a proposta goza neste caso dun interese particular” xa que os alumnos do centro véñenlle dando vida nestes últimos anos á publicación dixital SQC+, que recibiu o primeiro premio dun concurso impulsado polo xornal El País.
Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a Comunidade. Entre as/os xornalistas implicadas/os atópanse Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández Mayra e Víctor Sariego. Os obradoiros impártense (amais de no IES Rosalía de Castro) en distintas localidades galegas como A Coruña, Betanzos, Ferrol, Santiago, Ribeira, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía.
Durante os meses de marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de “fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online”. En termos máis concretos familiarizarase aos rapaces cos riscos e vantaxes das Tecnoloxías de Información e a Comunicación (TIC) ou coa necesidade da mediar e contrastar as súas fontes. Tamén se lles mostrará como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.
O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en Twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posíbel grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición “máis ambiciosa polo éxito obtido na edición anterior”, explica o Colexio Profesional.

PUBLICIDADE