O último libro de Harry Potter podería terse filtrado á Internet antes de saír á venda

xoves, 21 de xuño do 2007 Marcus Fernández

A saga literaria de Harry Potter (con reflexos no cine e no mundo dos videoxogos) chegará á súa fin o vindeiro 21 de xullo, cando sairá o libro Harry Potter and the Deathly Hallows, pero un hacker coñecido coma Gabriel asegurou na Internet que conseguiu unha copia da obra ó entrar nun ordenador da editorial Bloomsbury Publishing e difunde a obra “para facer aburrida e inútil a lectura do vindeiro libro” pois deste xeito desvélanse misterios como certas mortes que se producen na obra, e que estaban a xerar moito debate entre os seguidores as aventuras do mozo mago.
Dende a editorial non confirman se a copia que se filtrou á Internet é verídica, pero advirten de que hai contidos falsos circulando e, de feito, xa hai varias versións desta última entrega das aventuras de Harry Potter creadas polos seus seguidores, de aí que se poida pensar que se trata do texto escrito por J.K. Rowling aínda que na realidade se trate de obras inspiradas nos libros anteriores e nas declaracións feitas pola autora sobre o destino final dos personaxes da saga.
Algunha das versións alternativas ó último libro xa foron claramente identificadas coma bulos, aínda que a confirmación de que se trataba de textos non oficiais tarda normalmente en chegar, historia que se podería repetir con esta última filtración.

PUBLICIDADE