O turismo galego reivindica a Intelixencia Artificial como fórmula de competitividade

xoves, 23 de novembro do 2023 S. P.

Baixo o título rÍAs baixas: o camiño dos algoritmos, expertos vinculados á Intelixencia Artificial abordaron este 23 de novembro en Pontevedra os retos e oportunidades que implica esta tecnoloxía para o sector turístico. O encontro foi inaugurado polo presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
Cesáreo Pardal destacou “o amplo abano de posibilidades que ofrece a Intelixencia Artificial para incrementar a competitividade e a sostibilidade do sector turístico”. Desde a “mellora da xestión, ou das estratexias de mercadotecnia á personalización da oferta, pasando pola mellora da atención ao cliente ata a eliminación das barreiras lingüísticas”. sinalou.
Ademais, o presidente do Clúster subliñou a importancia que teñen as solucións tecnolóxicas baseadas en IA para “mellorar a sustentabilidade, pola súa capacidade de incrementar a eficiencia do transporte e a loxística, e reducir a pegada de carbono e volume e de residuos ou a xestión de fluxos turísticos”.
A xornada, froito da colaboración do Clúster coa Deputación de Pontevedra e a Axencia Turismo de Galicia, reúne a expertos de gran renome coma Javier Sirvent, Technology Evangelist; Elena Ibáñez, Singularity Experts; Virginia Seguí Monleon, HR Tech Manager; Thais Glod, InnoBound; Lázaro Royo, Zeus; Javier Martín, Renaiss.AI; ou Juan Antonio Gómez Bule, AREXDATA.
O encontro está dividido en tres grandes seccións: unha charla centrada no enfoque práctico onde se explicarán os últimos avances en IA e como se empregan os robots na industria turística, titulada O espertar da IA Xenerativa; unha mesa redonda onde se debaterán as tendencias no sector e como a formación, o re-skilling e a IA van condicionar as novas profesións na industria turística, titulada Capacitación e emprego no sector turístico; e outra mesa redonda sobre a converxencia da tecnoloxía avanzada e sector turístico, titulada Datos, IA e ciberseguridade aplicada ao turismo.

PUBLICIDADE