O tratado antipirataría ACTA, máis preto de ser rexeitado definitivamente

xoves, 21 de xuño do 2012 Raquel Noya

As protestas contra ACTA chegaron ás rúas en Holanda

Primeiro foi a SOPA, despois tocoulle a quenda á PIPA, e cando todos estabamos a pensar nunha MAZA ou nalgún outro termo culinario de dúas sílabas, a terceira iniciativa lexislativa na defensa de intereses corporativos en Internet naceu co nome de ACTA, pero correu a mesma sorte que as anteriores, e vén de ser rexeitada pola maioría dos países da UE.
O Comité de Comercio Internacional (INTA) do Parlamento Europeo votou a favor dunha recomendación para rexeitar este tratado antipirataría, coñecido como Anti-Counterfeiting Trade Agreement (ACTA), e foi aprobado en bloque pola maioría dos países da UE, á espera do visto bo do pleno da Eurocámara.
A Comisión Europea xa tivera que tomar unha decisión sobre a adopción ou desbote da ACTA a finais de maio, e despois dunhas votacións moi axustadas acabou opoñéndose por decisión de 3 comités; daquela faltaba o veredicto do INTA, que anunciaban para o 21 de xuño, e que chegou puntualmente á súa cita, pronunciándose hoxe mesmo co resultado que vimos de saber.
Malia que algúns medios xa cualifican esta votación como “un auténtico golpe mortal”, o certo é que aínda falta a votación do pleno no Parlamento Europeo para saber se finalmente se rexeita a ACTA. Este celebrarase previsiblemente o vindeiro 4 de xullo.

PUBLICIDADE