O tráfico de banda ancha fixa en Europa medra nun 30%

luns, 13 de xaneiro do 2014 Redacción

O consumo mensual de banda larga fixa en Europa medrou o ano pasado nun 30% até acadar unha media mensual de 17,4 GB. Quen está detrás disto? Segundo se fai saber no informe de Sandvine titulado Global Internet Phenomena Report 2H 2013, boa parte da responsabilidade neste disparo do consumo téñena os usuarios de YouTube, servizo que abrangue unha cuarta parte de todo o tráfico mensual. Pola contra, en Estados Unidos varían os culpábeis, ao ser Netflix, ocupando a primeira posición da listaxe, o servizo que máis pide sitio na Rede.
Segundo se fai saber no estudo, entre Netflix e YouTube estariamos a falar de preto da metade de todo o tráfico en Internet. En Estados Unidos, o primeiro destes dous servizos constitúe a ferramenta que máis tráfico xera mentres que en Europa sitúase no cuarto posto da clasificación, cun 3,33% do tráfico. Trátase, para quen non o saiba, dunha aplicación de vídeo baixo demanda que emprega a tecnoloxía streaming para a achega de contidos a través de subscrición (hai tarifas que permiten o acceso a unha cantidade sen límite de películas ou series en aluguer). Estímase que hoxe en día hai máis de 32 millóns subscritores de Netflix en Estados Unidos, Canadá, Latinoamérica, os países nórdicos, Irlanda e Reino Unido. O servizo só está presente nalgúns países europeos e neles acada o 20% do tráfico.
Sandvine defende no seu estudo que os países europeos con poucos servizos de lecer en tempo real teñen niveis máis altos de intercambio de arquivos. En Europa, BitTorrent é a segunda aplicación por nivel de tráfico (17,99%) mentres que en EE UU é a cuarta (co 7,39% do tráfico).

PUBLICIDADE