O tesouro rupestre da comarca de Compostela contará en breve cunha web de seu

xoves, 5 de setembro do 2019 Redacción

O noso pasado megalítico vai dispor en datas vindeiras dunha nova e salientábel páxina web de divulgación, formación e posta en valor. Así o anunciaron onte a Deputación da Coruña e os Concellos de Ames, Brión, Santiago, Teo, e Val do Dubra, durante o transcurso dunha nova xuntanza da dirección do proxecto Compostela Rupestre. A nova web será, precisamente, o espazo en liña do parque Compostela Rupestre. Incluirá centos de imaxes e información histórica e práctica do conxunto patrimonial dos cinco devanditos concellos.
A liña temática principal da xuntanza de onte foi avanzar na consolidación do que será o dito parque, cuxo obxectivo é “diversificar a oferta turística dos concellos da comarca por medio do importante tesouro patrimonial prehistórico deste territorio e achegar á veciñanza a este importante legado”.
En termos concretos, trátase de difundir, protexer e poñer en valor os petróglifos dos cinco concellos e outros elementos de grande valor.
Segundo fixo saber na xuntanza Xosé Regueira, vicepresente da Deputación e responsábel das áreas de Patrimonio e Turismo, “o proxecto ten por diante uns anos fundamentais para a súa consolidación e deseño de futuro”. Tamén enxalzou “o compromiso e o traballo colaborativo dos cinco concellos implicados no proxecto Compostela Rupestre para o que a Deputación da Coruña destina 500.000 euros”.
Como dixemos, na xuntanza presentouse a páxina web de Compostela Rupestre que suporá, en palabras das ditas entidades, “unha das principais ferramentas de difusión do parque e ofrecerá información e imaxes sobre o conxunto arqueolóxico, descrición dos petróglifos máis importantes e rutas para coñecer o patrimonio rupestre do territorio”.
A páxina, que estará operativa en datas vindeiras, inclúe máis de duascentas fotos e información histórica e práctica do conxunto patrimonial dos cinco concellos.
Na reunión tamén participou o arqueólogo Mario César Vila, dando conta do proxecto de revisión documental, catalogación e selección para a posta en valor e adquisición de terreos dos petróglifos e xacementos rupestres catalogados nos cinco concellos como paso previo á elaboración do plan director. O proxecto contempla distintas fases de traballo que van desde a propia redacción inicial até a memoria final pasando por traballos documentais e de xestión da información ou execución de traballos de campo (prospección, toma de datos, rexistro fotográfico, avaliación de danos e topografía).

PUBLICIDADE