O terceiro móbil máis vendido do mundo é de Xiaomi

luns, 21 de maio do 2018 Marcus Fernández

Os datos recollidos pola edición de abril do Market Pulse elaborado por Counterpoint amosan como o smartphone máis vendido no mundo en marzo foi o iPhone X (cun 3,5% de cota de mercado), seguido polo iPhone 8 (2,3%), o que non debería ser unha sorpresa, como si é a entrada de Xiaomi na terceira posición do ranking por primeira vez na súa historia co seu Redmi 5A (1,8%), que sería o smartphone con Android máis vendido a nivel mundial en marzo.
O cuarto móbil máis vendido sería o Oppo A83 (1,8%) e logo xa conseguirían entrar en xogo o Samsung Galaxy S9 (1,6%) e o Samsung Galaxy S9+ (1,6%).
Temos así unha curiosa mestura entre o que son os móbiles de alta gama de referencia no mercado global, con dispositivos de entrada (moi económicos) que conseguen estar á altura en unidades vendidas, aínda que non en ingresos xerados. Así, aínda que haxa móbiles chineses que superen en unidades vendidas aos de Samsung, cando falamos de volume de negocio a compañía surcoreana conseguen unha posición moi diferente, xa que non só vende un número moi elevado de móbiles cun prezo bastante alto, senón que tamén ten un catálogo de dispositivos moi amplo, de xeito que en conxunto tamén vendería máis unidades que os seus competidores.
Deste xeito, aínda que os datos de Counterpoint non teñan un impacto real no mercado, si teñen un valor simbólico, xa que amosan a grande penetración que teñen algúns smartphones económicos, confirmando unha tendencia: a aceptación cada vez maior de marcas chinesas.

O Redmi 5A véndese en España a un prezo oficial de 109 euros

PUBLICIDADE