O tempo medio para amañar un problema informático é menor no software libre, segundo un estudo

martes, 2 de outubro do 2007 Raquel Noya

A compañía BMC vén de anunciar que, segundo datos recollidos a partires dunha enquisa encargada á firma Forrester, “o tempo medio para resolver o problema nunha aplicación é de 6,9 días para os desenvolvedores empresariais e de 6,7 días para os vendedores de software”.
O estudo indica ademais que o “dez por cento destes problemas precisan duns 10 días para ser resoltos”, unha cifra que varía considerablemente cando se trata dun programa con código aberto, xa que segundo a Evans Data Corporation (EDC), “o tempo medio que transcorre dende que se detecta o problema serio até que se resolve nun programa de software libre é de menos de oito horas”.
Os datos recóllense dunha enquisa bianual realizada por EDC entre varios centos de desenvolvedores de código aberto e GNU/Linux, quen afirman que “a transparencia e dispoñibilidade que ofrece este tipo de software permite que os fallos poidan detectarse máis facilmente e solucionarse en consecuencia”.

PUBLICIDADE