O teletraballo en Galicia será o tema central dun seminario da USC

martes, 27 de outubro do 2015 Redacción

Será o vindeiro 10 de novembro cando teña lugar o Seminario Teletraballo, Territorio e Cambio Social en Galicia, un encontro que terá lugar na Aula 14 da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela organizada polo grupo de investigación Sociedade, Tecnoloxías e Territorio (gis-T). O dito evento quer servir de punto de encontro de especialistas procedentes das universidades de Santiago, Porto, Braga e da Autónoma de Barcelona, así como a profesionais vinculados coa análise social e territorial, coa enxeñaría informática e das telecomunicacións, teletraballadores/as en activo, representantes sindicais e responsables da xestión do programa de teletraballo na administración autonómica galega.
Emporiso, dende a organización deste seminario parten da idea de que o teletraballo “permite grandes posibilidades para o desenvolvemento de espazos urbanos e rurais”. Co obxecto de establecer paralelismos con Galicia, toman como exemplo o proceso de descentralización xeográfica do goberno irlandés “que permitiu deslocalizar traballadores públicos dende a capital do Estado, Dublín, cara a pequenas cidades e vilas cabeceira de comarca rural”. Apuntan que a decisión permitiu desconxestionar o centro urbano da capital ao tempo que se xeraron “plusvalías económicas e se fomenta a conciliación da vida familiar e laboral”. Outras vantaxes apuntan á mobilidade eficiente ou ao rexuvenecemento da demografía local.
O programa no que se tentará reflexionar sobre a operatividade do teletraballo na comunidade galega, comezará coa análise da súa introdución na administración autonómica galega e continuará con diversas experiencias en Cataluña, Francia e Canadá, así como diversas experiencias desenvolvidas en Galicia e Portugal.

PUBLICIDADE