O tecnoestrés derivado do teletraballo centra unha investigación pormenorizada da UDC

mércores, 22 de abril do 2020 S. P.

As investigadoras María Luisa Rodicio García, coordinadora do grupo Formación e Orientación para a Vida, (esquerda) e María Paula Ríos de Deus

O teletraballo non é en moitos casos unha solución perfecta aos problemas derivados do Estado de Alarma e as restricións á actividade presencial: hai traballadoras e traballadores para as/os que é imposíbel realizalo pola natureza do seu labor, hai que non dá conciliado traballar na casa e ter as crianzas no fogar e hai que non ten o coñecemento informático nin os equipamentos precisos. Moitas destas persoas poden ser vítimas do que se coñece como tecnoestrés. Avaliar a súa incidencia no ámbito da Universidade da Coruña é o obxectivo do grupo Formación e Orientación para a Vida, da Facultade de Ciencias da Educación da UDC.
O grupo está a realizar unha investigación na que avalía polo miúdo o tecnoestrés motivado polo teletraballo nos diferentes colectivos da comunidade universitaria, profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos.
No proxecto traballan María Luisa Rodicio (coordinadora), María Josefa Iglesias, María Paula Ríos, María José Mosquera e Laura Rego. O traballo desenvólvese de forma conxunta coa Universidade online Isabel I, de Burgos, para contrastar os resultados obtidos.
Segundo informan as investigadoras, do que se trata é de saber como a UDC está a vivir este Estado de Alarma no que respecta aos problemas derivados da adopción masiva e urxente das TIC para o traballo cotián. Con esta análise coñecerase como está a ser vivida a inmersión nas ferramentas informáticas da comunidade da UDC.
Unha das liñas de investigación deste grupo está relacionada coa xestión das emocións para levar unha vida saudábel. Segundo indican, “o ensino estase a dixitalizar a unha gran velocidade e as TIC aportan beneficios ao traballo pero tamén poden provocar malestar físico e psicolóxico que afecta ao desempeño académico, laboral, profesional, etc”. Por exemplo, explica María Paula Ríos, “estas novas ferramentas impulsan a traballar máis rápido (sobrecarga tecnolóxica), invaden a vida persoal (tecno-invasión), prodúcense cambios frecuentes (actualizacións de software e tamén de hardware), vólvennos persoas pouco competentes (tecno-complexidade), etc.”
Segundo lembran, se ben a investigación que levan a cabo estaba xa iniciada antes do Estado de Alarma provocado pola COVID-19, a nova situación de confinamento xerada pola pandemia tivo un papel decisivo para un máis exhaustivo e pormenorizado estudo dos casos. “O espallamento das das TIC na UDC, como noutras universidades do Estado, está a agravar a situación de estrés que provoca a tecnoloxía”, opina a profesora e investigadora Ríos.

PUBLICIDADE