O streaming musical vai camiño de xerar máis ingresos que a venda de discos físicos

mércores, 24 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O impacto da dixitalización na industria musical foi un dos máis rotundos que se viviron nas últimas décadas, de xeito que o negocio da venda de discos está considerado residual, pero esta revolución non levou a unha adopción masiva da compra en formato dixital, senón que finalmente o que está a callar é o consumo da música en streaming e, aínda que os artistas protestan dos poucos ingresos que reciben por parte de plataformas como Spotify, dá a impresión de que o mercado do streaming podería continuar a medrar até conseguir un volume de negocio que lembrase ao dos vellos tempos e, de feito, dende o punto de vista do consumidor o gasto é xa maior que antes.

Dende Goldman Sachs aseguran que «o consumidor medio pagaba 50-60 dólares ao ano para mercar cinco CD» e no contorno dixital actual «moitos consumidores estadounidenses pagan 120 dólares ao ano por unha subscrición de 10 dólares/mes». Os propios datos da consultora sosteñen que o streaming de pagamento triplicaría en rendemento á venda de discos físicos e dobraría o rendemento das venda en formato descargable.

As previsións de ingresos da industria musical que sostén Honeycomb amosan un futuro moi optimista

A industria musical estaba no seu mellor momento en 1999, cando naceu Napster, plataforma que mudou o sector para sempre ao facilitar as descargas musicais sen pasar por caixa, levando a un período de 15 anos consecutivos de caída de ingresos, pero 2015 marcou un punto de inflexión, e o feito de que Spotify, Apple Music, Amazon Music e outros servizos semellantes acumulen máis de 100 millóns de subscritores fixeron que se mantivese un crecemento do sector que, de manterse no tempo, tal e como sostén o fondo de investimentos Honeycomb Asset Management (con participacións en Spotify), podería superar incluso o volume de negocio dos tempos da venda de discos físicos.

Dende Goldman Sachs sosteñen que o streaming musical é mellor negocio que a venda de discos en dixital e físico

PUBLICIDADE