O soporte técnico de Windows XP continuará ata o 2014

mércores, 25 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Un ultraportátil de baixo custo funcionando con Windows XP

Aínda que este verán era a data crítica para o Windows XP para deixar de ser soportado por Microsoft, a emerxencia dos ordenadores ultraportátiles de baixo custo dálle ao XP unha segunda vida, que se ve reforzada polo anuncio de que o sistema operativo de Microsoft continuará a recibir parches e actualizacións críticas ata 2014.
De todos os xeitos, Microsoft deixará de vender o vindeiro día 30 o Windows XP para equipos informáticos novos (agás para nettops e netbooks, ou sexa, equipos de baixas prestacións), pero o anuncio do soporte ata 2014 sería unha medida sen precedentes, pois o tempo de vida dos sistemas operativos de Microsoft se databa en 10 anos (así, Windows 2000 rematará o seu soporte en 2010) e manter o soporte de XP durante 13 anos, o que agradecerán moitas empresas que contan cun forte implantación de XP e que tardarán en renovar a totalidade dos seus equipos.
Os usuarios que queiran adquirir XP (para ordenadores normais) a partir de mes que vén non o poderán facer directamente, senón que deberán mercar Windows Vista e acceder a un programa de desactualización que permite utilizar XP coa nova licenza adquirida, aínda que esta posibilidade non está presente nas versións domésticas de Vista (senón nas orientadas ao público profesional, xa que é nos contornos corporativos onde se presenta a demanda de continuar a utilizar XP por compatiblidade con outros equipos de empresa).

PUBLICIDADE