O software libre ó descuberto o vindeiro luns na Coruña

venres, 23 de novembro do 2007 Raquel Noya

No marco do ciclo Xornadas de Divulgación da Sociedade da Información, que organiza a Asociación Marineda de Novos Empresarios (AJE), o vindeiro luns día 26 de novembro vai ter lugar na Coruña unha xornada sobre software libre na que participará a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) por medio do seu presidente, Javier Vázquez.
O acto dará comezo a partires das 20:00 horas na sede do ITE Caixa Galicia na Ronda de Nelle, 31 (A Coruña) onde, amais de tratar os usos e ventaxas que ofrece o código aberto, tamén se abordarán temas relativos á seguridade informática, á facturación electrónica, á sinatura dixital e ó comercio a través das redes.
A xornada vai dirixida a empresarios e persoal de pequenas e medianas empresas interesadas no emprego e na implantación das novas tecnoloxías nos seus negocios e a asistencia será libre e de balde.
Este evento conta coa colaboración da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, do Instituto Tecnolóxico Empresarial Caixa Galicia e do Cluster Ineo.

Contido do programa:
· Inauguración das xornadas.
Daniel Ramos Lobón, presidente de AJE Marineda
Javier Vázquez, presidente de AGASOL
· Software Libre. Por qué é tan importante? Vantaxes do Software Libre na empresa.
Xesús Benito Baleato, coordinador de mancomun.org. Iniciativa Galega polo Software Libre.
· Caso de éxito de aplicación de Software Libre na empresa.
Trabe Solucións.
·Axudas e incentivos para a mellora tecnolóxica na empresa promovidos pola Consellería de Innovación e Industria.
Helena Veiguela Martínez, directora Xeral de Promoción Económica e Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria.

PUBLICIDADE