O software ilegal descendeu en España máis de 7 puntos no último ano

mércores, 16 de abril do 2008 Raquel Noya

Mapa do software ilegal en España durante 2007 publicado por Microsoft

Segundo vén de anunciar Microsoft, o ano 2007 “trouxo boas novas para os fabricantes de software”, que viron como a porcentaxe de distribución de programas ilegais descendeu ata situarse no 37,4 por cento, 7,7 puntos porcentuais menos que no ano anterior.
Os datos foron extraídos da campaña Comprador Anónimo que a devandita entidade levou a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2007 entre distribuidores de toda España. En total, os responsables do estudo visitaron un total de 744 puntos de venta, dos cales en 278 (un 37,4 por cento do total) atopáronse distribución de software sen licenza.
Do estudo extráese que as comunidades que presentan uns índices máis elevados de establecementos que distribúen software ilegal son Castela A Mancha (61,1 por cento), a Comunidade Valenciana (57,1 por cento) e Andalucía (56,9 por cento). Por outra banda, os índices máis baixos déronse en Canarias (22,7 por cento), Baleares (23,8 por cento) e Murcia, cun 26 por cento de distribución de software sen licenza.
En Galicia, a porcentaxe de tendas onde se distribúe software ilegal diminuíu notablemente (-23,9 puntos), e tan só foi superada por Asturias (-30 puntos) e polas Illas Canarias (-25,6 puntos porcentuais).
As únicas comunidades que aumentaron as cifras de distribución de software sen licenza foron Andalucía (+11,2 puntos) e a Comunidade Valenciana (+7,1 puntos).
Mistery Shopper
O programa Comprador Anónimo de Microsoft naceu co obxectivo de ofrecer uns datos fiables e contrastados sobre a distribución de software sen licenza na canle de distribución da compañía. O proceso iníciase coa visita dun comprador anónimo, a calquera das tendas informáticas do noso país, que solicita información e presuposto para adquirir un ordenador cun sistema operativo e as aplicacións máis comúns. Logo de recibir a oferta, inclúa esta software ilegal ou non, o comprador anónimo identifícase como un “Inspector de Microsoft”. Se o software ofertado (polo xeral Sistema Operativo e paquete Microsoft Office) vai acompañado da súa licenza, Microsoft inclúe á devandita tenda na súa fase de activación comercial, mediante a cal se lle ofrece ó propietario a posibilidade de participra en campañas conxuntas de marketing, descontos na compra de produtos ou cursos de formación técnica ou comercial. Se, pola contra, o software ofertado non incorpora a súa licenza, infórmase ó persoal do delito que está a cometer con esa actividade e das consecuencias que poden derivarse desa práctica.
Meses despois, a compañía realiza unha segunda visita a aquelas tendas que ofreceron software sen licenza para denunciar ante as autoridades competentes ás que sigan ofrecendo programas ilegais.
Na imaxe, a distribución do software ilegal en España respecto ao 2006.

PUBLICIDADE