O software de animación que usa o Studio Ghibli será de código aberto

luns, 21 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O software de animación Toonz, desenvolvido pola empresa italiana Digital Video, voi adquirido polo editor xaponés Dwango, operación a través da que acordaron o lanzamento e desenvolvemento dunha plataforma de código aberto baseada en Toonz (OpenToonz) que levará por nome TOONZ Studio Ghibli Version e que verá a luz o vindeiro sábado, facilitando así que a comunidade de profesionais da animación poida descargar esta ferramenta de balde.
OpenToonz incluirá características desenvolvidas polo Studio Ghibli (responsables de numerosas películas xaponesas de animación como Porco Rosso, Mi Vecino Totoro ou La Princesa Mononoke), compañía que emprega Toonz dende hai anos, mentres que Dwango creará unha plataforma para facilitar a colaboración entre laboratorios de investigación e a industria da animación.
Digital Video mudará de modelo de negocio, de xeito que agora ofrecerá servizos profesionais para a instalación, configuración, formación e personalización para a industria da animación, en vez de vender licenzas do seu software, aínda que tamén manterán unha versión de pagamento de Toonz que venderase a un prezo moi competitivo.

PUBLICIDADE