O sistema de xestión integrada das bibliotecas municipais implántase en Oroso, Ames, Teo e Brión

venres, 29 de decembro do 2017 Redacción

O catálogo único da Rede de Bibliotecas de Galicia esténdese. Segundo veñen de informar a Consellería de Cultura e Educación e a axencia AMTEGA, implantouse finalmente o sistema de xestión integrada nas bibliotecas públicas municipais de Oroso; de Bertamiráns e Milladoiro (Ames); dos Tilos e Grilo (Teo); e de Brión. Isto que significa? Pois, entre outras cousas, máis comodidade para os usuarios á hora de facer as súas buscas. Por exemplo, poderán facer xestións (coa vantaxe de ter un carné único) como acceder aos servizos de todas as bibliotecas dende o seu centro de lectura e consulta máis próximo. Para o persoal que traballa nestes espazos, ponse en xogo máis homoxeneidade e eficiencia no día a día da súa biblioteca e en relación coas demais.
Segundo informa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en total son preto de 90 as bibliotecas municipais públicas que xa dispoñen do novo sistema integrado de xestión, un software de código aberto que “abre as portas da integración” de todos os centros nunha contorna unificada, “tanto para o traballo dos técnicos das bibliotecas como para a consulta dos catálogos das bibliotecas de Galicia para calquera usuario ou usuaria”.
O novo sistema, como dixemos, pon en xogo un catálogo único dispoñíbel en catalogo-rbgalicia.xunta.gal. Con esta tecnoloxía, a maiores do devandito, podemos facer cousas en liña como solicitar o carné da Rede, facer reservas e renovacións, trocar de contrasinal e acceder co mesmo usuario e contrasinal a este sistema e á plataforma GaliciaLe, o sistema pioneiro de préstamo de libro electrónico.

PUBLICIDADE