O sistema de distribución dixital do filme de Veronica Mars provoca frustración aos seus mecenas

luns, 17 de marzo do 2014 Marcus Fernández

O filme de Veronica Mars non só vai facer historia por ser unha realidade grazas a unha campaña de micromecenado en Kickstarter, resucitar unha serie de televisión cancelada grazas ao entusiasmo dos seareiros e ofrecerse en España a través de streaming coincidindo coa estrea nos cines norteamericanos (ignorando as impopulares fiestras de explotación), senón que tamén vai converterse nun exemplo máis do mal que recibe o público os sistemas de protección de moitos contidos audiovisuais, xa que os usuarios/mecenas que non tiñan o filme en ningún dos cines próximos á súa vivenda atoparon que a versión dixital á que podían acceder a través de Flixster/UltraViolet resultaba imposible de reproducir en moitas ocasións.

Imaxe da estrea do filme

Temos así que usuarios que pagaran anticipadamente pola película recibiron un código para poder empregar en Flixster (plataforma da Warner Bros) que non podían utilizar no servizo, pero que en moitos casos non podía traducirse nunha copia dixital da película que puidese reproducir nos equipos dun usuarios lexítimo (ao parecer, por numerosas complicacións propias do sistema de protección UltraViolet, como narran de xeito bastante dramático en Gigaom) o que levou aos responsables do estudio a ofrecer unha devolución dos cartos para usuarios que preferían outras plataforma dixitais como iTunes ou Amazon (previstas cando se lanzou a campaña de captación de fondos para producir o filme, e nas que a peza está dispoñible, pero para as que non recibiron un código de descarga).
Esta lección debería ensinar aos estudios cinematográficos a escoitar ao seu público, pois intentar impor unha plataforma de distribución propia pode resultar moi prexudicial, especialmente a nivel de imaxe, pois os comentarios que puideron lerse en redes sociais sobre este incidente podían ilustrar claramente o malestar causado, e degradar a confianza no mecanismo de distribución dixital empregado. Podemos citar exemplos como o de Christopher Whitaker, quen dixo que “nunca escoitar nada de Flixster antes da descarga de Veronica Mars. Agora entendo porque nunca o fixera”; ou Bob Ippolito que asegura que “estiven media hora tentando descargar unha copia lexítima de Veronica Mars para vela no televisor con Flixter. So levou 7 minutos roubala”. Cando piratear é máis cómodo e doado que adquirir un produto legalmente (neste caso algún usuario tivo que darse de alta en 3 servizos á vez para poder reproducir o filme no seu televisor) resulta evidente que algo está a fallar no sistema.
En contrapartida temos outra información interesante para os creadores que financian os seus filmes a través de Kickstarter, pois a tenda de películas de iTunes, baixo a categoría de Independentes, vén de crear unha colección para filmes financiados en Kickstarter, o que fará que este tipo de obras sexan máis doadas de localizar, o que contribuirá a darlles visibilidade.

PUBLICIDADE