O sistema de diagnose enerxética en liña do Inega detecta un potencial de aforro do 14,3% nas empresas galegas

luns, 20 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O sistema de Diagnose Enerxética en liña para pequenas e medianas empresas, que a Consellería de Economía e Industria puxo a andar para axudarlle ás entidades galegas a aforrar e enerxía e, consecuentemente, tempo e cartos, vén de facer reconto das auditorías que leva realizadas dende a súa posta en marcha, e o resultado é que das 40 auditorías rematadas, detectouse un potencial de aforro enerxético do 14,3 %.
Esta ferramenta, que está accesible dende a web do Instituto Enerxético de Galicia , foi deseñada para que as empresas galegas poidan mellorar o seu consumo enerxético e, por conseguinte, os distintos custes derivados do mesmo; deste xeito, a través dun cuestionario en liña moi funcional e doado de usar, o Inega analiza o tipo de lámpadas que se usan no seo das empresas; os sistemas de enerxía térmica; os medios de transporte; os sistemas de control do acendido ou a instalación de mecanismos de medición de consumo, entre outros factores.
A aplicación, que no tempo que leva funcionando recibe unha cualificación de notable a nivel de satisfacción dos usuarios, consta de dous niveis de funcionamento: un básico e un especializado, que conta cun nivel de análise de necesidades enerxéticas máis detallado.
Deste xeito, o primeiro nivel, máis básico, permite responder a preguntas doadas de forma rápida e sinxela, recibindo, posteriormente, un informe de recomendacións sobre aforro e eficiencia enerxética. Esta parte suma 300 usuarios dados de alta.
Xa no nivel dous, máis avanzado, atópase un cuestionario máis especializado, que se basea nas respostas do primeiro e que xa usaron 56 usuarios. O resultado que se obtén neste apartado é un informe adaptado á situación real da empresa, que mesmo pode incluír, segundo informan dende o Inega, “un balance enerxético detallado cunha estimación do reparto do consumo eléctrico”.
Dende o Inega aseguran que “ante os bos resultados desta aplicacións”, están a traballar xa na posta en marcha dun servizo específico para asesorar en materia enerxética ás empresas.
Este servizo permitirá resolver directamente as dúbidas que xorden á hora de por en marcha as melloras recomendadas na auditoría, dúbidas tales como os prezos da enerxía no mercado, a normativa enerxética, as liñas de axuda dispoñibles...
Isto permitirá que as empresas galegas poidan mellorar os seus ratios de consumo de enerxía, e polo tanto, a súa competitividade no mercado.

PUBLICIDADE