O sistema de almacenamento en rede OpenMediaVault, en galego

mércores, 15 de maio do 2013 Redacción

Dende Mancomún -portal web de referencia que reúne todas as iniciativas sobre software libre e fontes abertas (FLOSS) galegas- chéganos a nova da posta en marcha dunha distribución Linux para montar un sistema de almacenamento en rede ou NAS (Network Attached Storage) polas súas siglas en inglés: OpenMediaVault. Cómpre subliñar que esta achega está dispoñíbel en galego, formando parte dos 15 idiomas aos que está traducido, traballo feito por Miguel Bouzada, membro do proxecto Trasno. Estamos a falar dunha distribución Linux baseada en Debian pensada para instalar de xeito doado nun computador un sistema de almacenamento en rede con servizos como ssh, sftp, smb/cifs, rsync e moitos outros. Amais, grazas ao seu deseño completamente modular, pódese mellorar a través de complementos ou plugins. OpenMediaVault non está encamiñado a un usuario específico, pode ser empregado tanto en pequenas e medianas empresas coma na contorna doméstica, aínda que non está limitado a estes escenarios. Emporiso, os requisitos hardware para instalar este sistema son mínimos: 1XByte de RAM e 2 XByte de espazo en disco para a instalación do sistema, ademais dos discos duros que se queiran empregar para dar o servizo de almacenamento en rede. Entre as funcionalidades do OpenMediaVault salientan o seu sistema de administración web moi intuitivo, a actualización a través da paquetería Debian, a capacidade de Wake on Lan, diversas funcionalidades de monitorización ou a capacidade de engadir servizos adicionais a través de complementos como : LVM, LDAP, cliente Bittorrent, antivirus... Asemade, dispón de documentación actualizada en formato wiki sobre a instalación e administración: como instalar e configurar OpenMediaVault ou como instalar sobre OpenMediaVault o software Owncloud. Por último, engadir que se poden descargar imaxes ISO para a instalación, acceder aos paquetes debian ou descargar o código fonte dende o SCM do proxecto en sourceforge.

PUBLICIDADE