O simulador de compras do IGC, a disposición de consumidores, comerciantes e profesorado

luns, 14 de maio do 2012 Raquel Noya

A Escola Galega de Consumo, encargada de dar resposta ás demandas educativas da cidadanía e de informar aos profesionais das esixencias dos consumidores perante os novos mercados, deseñou recentemente un simulador de compras virtual que permite acceder de forma doada ás ferramentas para a compra por Internet, para comprender o seu funcionamento e adiviñar os usos e vantaxes que o comercio electrónico pode ter para a cidadanía.
Este simulador permite ademais traballar distintos aspectos de consumo, como o pagamento por Internet e outros relacionados cos dereitos dos consumidores, entre os que se atopan o etiquetado dos produtos, as vendas a distancia, a publicidade, a protección de datos e a realización de reclamacións.
Pois ben, grazas á colaboración do Instituto Galego de Consumo coa Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia, os usuarios e usuarias das 98 aulas que hai espalladas pola Comunidade, van poder utilizar este simulador de compras e comprobar de primeira man as súas vantaxes.
Farano a través dun curso formativo sobre consumo e comercio electrónico que se celebrará nas distintas aulas CeMIT, e que vai dirixido de xeito especial a consumidores, comerciantes e profesorado.
Este simulador, único en toda España, xa foi demandado por moitas Comunidades Autónomas e entidades o que, en palabras dos seus responsables, “sitúa de novo a Galicia na vangarda no que se refire a formación e educación dos consumidores”.
A Escola de Consumo atendeu o ano pasado a mais de 1000 alumnos e con este programa pretende ampliar a súa oferta e achegarse de maneira importante á poboación galega.

Colaboración co voluntariado dixital
O protocolo de colaboración asinado hoxe entre a presidenta do Instituto Galego de Consumo, Nava Castro, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, recolle tamén a integración do simulador de compras na carteira de servizos do programa de Voluntariado Dixital, que está a desenvolver a AMTEGA “para favorecer o uso das novas tecnoloxías por parte persoas maiores e persoas con discapacidade”, afirmaron.
O Instituto Galego de Consumo ofrecerá formación específica aos voluntarios do programa sobre os dereitos dos consumidores especialmente no eido do comercio electrónico para que poidan prestar o seu apoio nesta materia ao colectivos de maiores e persoas en risco de exclusión dixital.

PUBLICIDADE