O servizo galego menus.es supera a liña dos 7.000 establecementos rexistrados

martes, 28 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Os responsábeis do servizo de raizame galega menus.es, do que xa falamos polo miúdo en Código Cero con motivo da súa presentación en Lugo o pasado mes de febreiro, están a facer un chamamento aos membros da comunidade en liña galega e estatal para que proben a tirarlle partido á devandita web, especialmente axeitada, sinalan, para atopar os establecementos hostaleiros que mellor se adapten aos seus gustos e aos seus intereses. A gran vantaxe do servizo, engaden, radica na xeolocalización e na facilidade de uso. A maiores, na súa base de datos non para de medrar. Se en febreiro falamos duns 6.000 locais atopándolle beneficio, a cifra xa hai semanas que foi alén dos 7.000.
Por medio de todo o devandito, faise moito máis doada a procura de menús e cupóns desconto de restaurantes de toda España, complementando esta opción con datos actualizados, publicados polos propios restaurantes, dos pratos e os prezos dos menús.
Por medio da xeolocalización”, sinalan os empresarios galegos responsábeis da web, “os milleiros de usuarios diarios de menus.es poden atopar un establecemento indicando o lugar no que se atopan e obter toda a información achegada por cada restaurante, dende a súa localización exacta até consellos para chegar alí, o menú que se ofrece e máis o seu prezo”.
Asemade, tamén se poden facer procuras por un prato determinado e coñecer as especialidades de cada establecemento. Así nolo explican os cinco socios impulsores do servizo, creado ao abeiro do Viveiro de Empresas da Fundación CEL de Lugo: “Por exemplo, se o que queremos é comer polbo á brasa, poderemos atopar o restaurante máis próximo que inclúa esta especialidade na súa oferta, ou que a teña recomendado na sección suxestións”.
A solución é manexábel dende a propia Internet ou ben a través dunha aplicación móbil para smartphone, que se descarga, precisamente, da páxina principal. Segundo explican os responsables da iniciativa, tanto nun caso coma noutro o máximo obxectivo é facer algo doado e útil: “Trátase dunha aplicación moi intuitiva e fácil de empregar que nos vai permitir acceder dende calquera sitio á información dos establecementos que estean rexistrados no servizo”.
Para dármonos de alta en menus.es, contribuíndo co noso local hostaleiro, non será preciso desembolso algún. A propia páxina facilita unha guía de como facelo. Unha vez nos rexistremos, cada restaurante poderá acceder á súa conta e publicar os seus datos, ofertas e suxestións gastronómicos. Mesmo poderá actualizar os seus menús a cotío se así o desexan.
Como dixemos, o servizo conta a día de hoxe con máis de 7.000 restaurantes rexistrados na súa base de datos, “beneficiándose das vantaxes do servizo de busca de restaurantes xeolocalizados en menus.es, sen dúbida todo isto supón unha excelente promoción para os establecementos asociados e un reclamo para que máis clientes visiten os locais”.

PUBLICIDADE