O servizo en liña para vítimas da violencia de xénero contabilizou 90 consultas

luns, 2 de xullo do 2012 Redacción

A Secretaría Xeral da Igualdade vén de facer reconto do acadado, ao longo do primeiro semestre deste ano, polo seu servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia de xénero. Estamos a falar, en termos concretos, de 90 consultas efectuadas a través de igualdade.xunta.es, a web que dá acubillo ao devandito servizo, un recurso que xurdiu co obxectivo de dar resposta rápida e de balde ás persoas vítimas da violencia que requiran axuda e asesoramento.
Por provincias, o maior volume de consultas neste período procede da Coruña con 46, seguida de Pontevedra con 32, Ourense con 5 e Lugo con 4, ás que se engaden 3 procedentes doutras comunidades autónomas. As principais usuarias son mulleres, 75, pero tamén se rexistraron 15 consultas formuladas por homes.
Por tramos de idade, informa a Secretaría Xeral, as persoas de 26 a 45 anos representan o 71% das usuarias do servizo; o 37% das consultantes son persoas con estudos universitarios e, por temática, encabezan as entradas as relacionadas coas agresións acceso á asistencia xurídica gratuíta cun 17%, seguidas por asuntos relacionados coa conciliación familiar, coa violencia de xénero e co dereito de familia.
O servizo en liña, posto en marcha o pasado mes de outubro, ofrece resposta en tempo real a consultas sobre lexislación, violencia de xénero, conciliación, dereito de familia, agresións ou acoso sexual, entre outras, asegurando a confidencialidade. “A través del”, engádese, “as mulleres dispoñen dunha plataforma para acceder a información e asesoramento sobre os seus dereitos, que facilite a adopción das decisións máis axeitadas”.

PUBLICIDADE