O servizo de urxencias sanitarias 061 renova a súa páxina web

luns, 21 de maio do 2012 Redacción

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 estrea unha nova páxina web cun deseño máis dinámico baseado nunha modernización da imaxe e adaptada a realidade tecnolóxica actual. A través de esta nova web está dispoñible un servizo de consulta en liña, para que a cidadanía poida trasladar cuestións sobre temas de saúde non urxentes aos profesionais médicos do 061, como vía alternativa aos números teléfono 061 e 902 400 116.
Os contidos abranguen dende información institucional sobre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os diferentes servizos que ofrece a poboación galega, ata un apartado onde están dispoñibles en formato dixital as memorias de actividade dos últimos anos e tamén o catálogo de publicacións da Fundación. Ademais, navegando a través das diferentes pestanas os internautas tamén poden acceder a información sobre os programas de investigación que se atopan en funcionamento dende a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e atopar a oferta de actividade do Centro de Formación en Medicina de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes de Galicia.
Un dos aspectos máis importantes para o 061 de Galicia son os mecanismos dos que está dotada a páxina que permiten unha actualización da información dun xeito áxil e directo. A web é accesible mediante diferentes navegadores e se deseñou tendo en conta as necesidades especiais de persoas con discapacidade, seguindo os estándares de accesibilidade Web Accessibility Initiative WAI-A e WAI-AA.
Ademais, esta nova páxina web está pensada para que o acceso dende dispositivos móbiles sexa óptimo, así como que ofreza a posibilidade de acceder mediante programas lectores de noticias RSS; e as súas entradas tamén presentan ligazóns para compartilas utilizando Facebook ou Twitter.

PUBLICIDADE