O servizo de televisión de Movistar faise móbil

martes, 13 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Os usuarios do servizo de televisión premium de Movistar TV poden agora gozar de Go, unha nova funcionalidade que facilita o acceso aos contidos televisivos contratados a través de dispositivos conectados á Internet como ordenadores e dispositivos móbiles (conta con aplicación oficial para iOS e para Android).
Movistar Go permite reproducir boa parte dos contidos televisivos que teñan contratados os seus clientes en practicamente calquera lugar, o que resulta ideal no período estival (onde é máis habitual estar afastado do fogar), e no seu arranque, limita a súa oferta 13 canles (principalmente con series de televisión e películas, como FOX, AXN, Calle 13, TNT, Hollywood... á vez que non esquece ao público infantil incluíndo Nickelodeon e Disney Jr.) e a unha videoteca con máis de 300 películas (entre as que non faltan os grandes éxitos de Disney).
O servizo será inicialmente de balde, precisando de rexistro vía web ou chamando ao 1004. Contrasta claramente con Canal+ Yomvi, que tamén ofrece o acceso a contidos de televisión de pagamento a través da Internet, pero que conta coa opción de contratación por parte de usuarios que non gocen do servizo doméstico por 9,95 euros/mes + IVE.

Movistar Go está dispoñible dende dispositivos móbiles con iOS e Android

PUBLICIDADE